Os obxectivos comúns de promover a educación e o deporte en Lugo uniron a estas entidades
Vía asnosas.gal
Varios son os valores que teñen en común o Durán Maquinaria Ensino, o Seminario Diocesano e a asociación deportiva e cultural DROCER. Por este motivo, as tres entidades asinaron un convenio de colaboración.
O seu eixo principal é a educación e o deporte, un punto de encontro para as distintas organizacións, que queren participar na vida social de Lugo partindo do baloncesto.
O acordo divídese en dúas liñas de actuación básicas. A primeira delas é o convenio entre o Ensino e o Seminario, cedendo este último as súas instalacións para os adestramentos da canteira do conxunto deportivo. Pola súa banda, o Ensino asume parte dos seus costes e encárgase de adecuala e preparala para a práctica deportiva.
“Foi case providencial como este verán fixeramos o contacto con Ana (directora da cantera e actividades do Ensino e representante de DROCER), e poidesemos ver o que estaban facendo e como converxía co noso desexo de ampliar horizontes no uso das instalacións”, recorda David Varela, rector do Seminario Diocesano. Este acordo beneficia a todas as partes e “é un ben para todos e para a cidade”, apuntou.
Desta colaboración xurde o novo nome do segundo equipo, o agora chamado Café Candelas Seminario. Un cadro que ten como finalidade ascender en categorías ata chegar á Liga Feminina 2 e ser un complemento con xente xove e da base para o primeiro equipo en Liga Femenina Endesa. Así o explica Rocío Varela, capitá deste conxunto e directiva da asociación DROCER.
Esta institución será a encargada de levar a cabo, en colaboración co Seminario, unha serie de ensinanzas deportivas e formativas no ámbito do deporte.
As tres entidades únense ademais para impulsar o Título de Técnico Deportivo en Baloncesto, pioneiro na provincia de Lugo, que conta con moitos equipos e licencias. Segundo explica Varela, “a primeira promoción comezará en febreiro e a segunda empezaría en setembro”. A partir de aí a formación seguirá o calendario dos cursos académicos tradicionais.
Andrés Alonso: “Compartimos e fomentamos a importancia do valor do deporte infantil e xuvenil nunha cidade como Lugo”
Por parte do Ensino, o seu directivo, Andrés Alonso, recalcou o seu agradecemento ao Seminario polo acordo acadado e expresou o seu contento co novo plan de colaboración. “Compartimos e fomentamos a importancia do valor do deporte infantil e xuvenil nunha cidade como Lugo”, asegurou.
Aviso Legal / Privacidad / Cookies
Desarrollo web Prodesin